domingo, 20 de novembro de 2016

Docente en obras: a curación de contidos

Sempre tiven claro que o labor docente precisaba dunha constante anovación que a acompasase cos fluír dos tempos. Isto lévame habitualmente a acudir a congresos e cursos de formación coma este no que agora estou traballando, titulado "Ambientes persoais de aprendizaxe e redes sociais na educación".

Imaxe de Fer Muñoz
O módulo desta semana versa sobre a curación de contidos, unha tarefa moi próxima ao labor docente máis tradicional, dado que consiste en buscar recursos e información sobre aquilo que teñas que traballar na aula co teu alumnado, seleccionar aquilo que nos interesa e compartilo co noso alumnado. De sempre ese foi un dos roles do docente, ou non?

A Web 2.0 veu abrirnos infinidade de fiestras ao mundo polas que, se queremos, pode entrar moitísima información. A curación de contidos vén axudarnos precisamente a filtrar e clasificar toda esa información dispoñible para despois poder compartila. Interesante, non?

Para iso podemos empregar diferentes ferramentas como Symbaloo, Storify ou Pinterest. Habitualmente traballo coa primeira, pero para facer a práctica deste módulo do curso tiven que empregar Pinterest. Esta ferramenta, malia que a coñecía, nunca cheguei a utilizala por estar moi cómoda coa outra, Symbaloo. Xa se sabe que é difícil saír da zona de confort!!

Recoñezo que Pinterest foi toda unha descuberta por ser moi útil, versátil e visual. Hai infinidade de recursos compartidos por outra xente e podes atopar practicamente de todo. Ademais, o feito de que admita diferentes formatos (texto, imaxe, vídeo...) é unha característica moi interesante.

Déixovos unha infografía que atopei nun pin sobre o tema e que recolle moi ben a importancia desta práctica no noso labor docente:



Un saúdo!!