Proxectos colaborativos

Xa é oficial!! Xa estamos inscritos no fermosísimo proxecto colaborativo Contamos con eMotion e á volta do divertido Entroido, comezaremos o traballo.

Cales son as razóns polas que imos participar? Unha chea delas!! Pero, por sinalar algunhas, direivos que:
- No IES Xulián Magariños encántanos traballar por proxectos, porque é máis motivador e porque somos entusiastas da convivencia positiva, algo indispensable para abordar unha tarefa destas características.
- Somos galego-falantes, amamos a nosa lingua e queremos ver a don Quixote e Sancho vivindo as súas aventuras no noso idioma. Para conseguilo, cederémoslles encantadas e encantados as nosas voces.
- Gústanos a Literatura, sobre todo cando nos permite facer voar a imaxinación e reinterpretar a realidade, unha realidade, por certo, que non nos gusta demasiado en moitas ocasións.
- Parécenos unha oportunidade magnífica para sentirnos parte deste mundo hiperconectado e traballar man a man con escolares de diferentes partes do mundo.
- É unha oportunidade marabillosa para aprender e compartir: aprender de tod@s e compartir con tod@s. Lembrade que de nada serve o noso coñecemento se non o compartimos para conseguir mellorar o que non nos gusta.

No tocante aos obxectivos educativos, con este proxecto pretendemos:

  1. Empregar a lingua oral e escrita nun rexistro formal adecuado ao nivel educativo.
  2. Empregar diferentes tipos de texto (guión literario, guión técnico) de acordo coas súas características.
  3. Achegarse á figura de Miguel de Cervantes e a unha das súas obras mestras.
  4. Seleccionar pasaxes da obra cervantina susceptibles de seren convertidas en pequenas producións audiovisuais.
  5. Coñecer e empregar diferentes programas informáticos para a produción audiovisual (son, imaxe etc.).
  6. Coñecer e empregar correctamente nocións básicas de linguaxe audiovisual: secuencia, plano, guión etc.
  7. Traballar por proxectos colaborativos en grupos pequenos (4-5 membros).
  8. Compartir coñecementos de forma activa e participativa.
As ideas xa están sobrevoando o ceo da nosa imaxinación. Iremos contándovos como van os avances (e os problemas). Estade atent@s!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario