domingo, 4 de decembro de 2016

Remata a aventura CAFI_PLE_2016

Avistamos terra despois de semanas navegando a un ritmo constante e deixando tras de nós un ronsel marabilloso entretecido por todas e todos: compañeiras e compañeiros de curso e profesores.

Lembro que alá por setembro entrei un día en FProfe buscando algún curso PLATEGA que me puidese aportar algo nisto das TIC aplicadas á educación, ámbito no que recoñezo que me estou a converter nunha auténtica friki porque vexo multitude de oportunidades comunicativas que, ademais, lle encantan ao meu alumnado.

Comezou o curso e unha das primeiras tarefas que tivemos que facer foi describir o noso PLE. Este que vedes na imaxe era o meu. O titor valorouno como moi completo, e eu pensei: "Se está moi completo, non sei se vou aprender moito neste curso". Afortunadamente, equivoqueime nesta primeira e apurada valoración, porque, ademais de coñecer recursos novos como SocialWire, por exemplo, ao que lle vexo multitude de aplicacións na aula, o traballo colaborativo que fomos tecendo entre todos os membros do grupo foi absolutamente enriquecedor.

Módulo a módulo e tarefa tras tarefa tivemos que poñer en práctica grande cantidade de ferramentas diferentes e todas, dunha maneira ou outra, son moi útiles para a miña práctica na aula como docente de Lingua e literatura galega (Blogger, Twitter, Wordpress, Drive etc.).

Un dos meus módulos favoritos foi o da curación social de contidos, porque me gorneceu de ferramentas que non coñecía ou non usaba por non verlle o uso na aula. Agora, en cada proxecto de investigación co alumnado, unha das tarefas que faremos en común será precisamente esa, moi acorde, ademais, co desenvolvemento do sentido crítico.

Quédanme por facer dúas últimas reflexións. A primeira delas é para agradecer aos titores o seu bo traballo ao longo do curso, solucionando dúbidas case de inmediato e atentos aos prazos e dificultades que foron xurdindo. Podo dicirvos que me sentín moi ben acompañada neste camiño. Grazas.

E para rematar, unha doce lembranza para as compañeiras e compañeiros de curso: foi un pracer coincidir convosco, grazas por compartir e colaborar tan positivamente para tecer esta rede PLE. A Temi tiven a sorte de desvirtualizala onte na xornada EscolaTAC 2016, a todas e todos os demais agardo poder ir facéndoo devagariño noutros cursos ou nos centros.

Un pracer!

PD: Para cando un CAFI_PLE Avanzado??