mércores, 12 de outubro de 2016

CONTAMOS CON eMOTION: UN PROXECTO COLABORATIVO E INTERDISCIPLINARIO

Hoxe gustaríame falarvos de “Contamos con eMotion” e animarvos a participar nun proxecto de narrativa dixital que fomenta valores fundamentais para o ensino e a vida, como son, por exemplo: a literatura, a creatividade, a colaboración, a interdisciplinariedade, o uso responsable das tecnoloxías da información e a comunicación e os valores cívicos.
Logo do proxecto

Este proxecto nace o curso pasado nas creativas mans de Luz Beloso, docente de Educación Plástica e Visual do IES As Barxas (Moaña, Pontevedra), e Juan Carlos de Miguel Sanz, docente de Música e asesor TIC en Segovia. A idea orixinaria viña reivindicar dúas cousas:
- a necesidade de aumentar a presenza das Artes no ensino, gravemente danadas na vixente lei educativa;
- a figura de Miguel de Cervantes e o seu personaxe máis coñecido, don Quixote, na conmemoración do IV Centenario do seu pasamento.

Debo recoñecer que nun primeiro momento me sumei a este proxecto pola miña amizade persoal con Luz, á que quero e admiro moitísimo. Pero cando fun vendo todo o universo creativo que fomos tecendo dende latitudes ben diferentes -e con enfoques moi diversos-, sentinme na casa. E tiven esa sensación tan confortable porque me gusta compartir inquedanzas, soños, prácticas de aula, coñecementos e dúbidas; e este proxecto está feito de docentes así: diferentes países, continentes e linguas; diferentes materias, proxectos e enfoques moi variados dunha idea común... D I V E R S I D A D E !!! Unha das miñas palabras favoritas!!

Comezamos poñendo en común produtos que fixeramos anteriormente, polo que eu compartín e expliquei a stop motion light que realicei no curso 2013-2014. Velaquí a tedes:



No terceiro trimestre realicei dous proxectos stop motion e, malia que un aínda está sen rematar por problemas técnicos que estamos tratando de solucionar, puiden aportar estoutro:



Esta produción tan sinxela ten tras de si unha carga emocional importante que a alumna de 1º de Bacharelato quería compartir a través dunha narración dixital.


E este curso que? Este curso tamén temos proxecto. Xa estamos inscritas e inscritos 70 docentes. E con este artigo quería aproveitar a ocasión que me ofrecía a tarefa para dárvolo a coñecer (se non sabiades del) e animarvos a participar. Temos liberdade absoluta de tempos, formas, formatos, temáticas etc. Para máis información, podedes visitar o blog e a páxina de Facebook.

Agardámosvos!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario